Skip to main content

Curso de clown

Curso de clown

No mes de novembro acollemos a Iván Davila para propoñervos un curso de clown en formato de fin de semana. Esta será a primeira das nosas citas anuais con este formato, que incorporamos ao noso percorrido práctico polas artes vivas.

Que é o que hai en ti que pode facer rir?

Este obradoiro propón dous días de exploración práctica arredor do clown e da comedia física para descubrir, potenciar e poñer en xogo os recursos cómicos propios de cada intérprete.

Non se trata de aprender a “facer clown”, senón de descubrir que acontece cando levamos a nosa presenza escénica, o noso corpo, os nosos impulsos e as nosas particularidades ata o límite. A través do xogo e da experimentación, buscaremos aquilo que fai singular a cada persoa sobre o escenario e aprenderemos a utilizalo como material cómico.

Durante as 16 horas de traballo combinaremos exercicios individuais e grupais, improvisación, comedia física, presenza escénica, ritmo e relación co público. Traballaremos desde o erro, o risco e a capacidade de xogar, entendendo o fracaso non como un obstáculo, senón como unha posible fonte de material.

A metodoloxía bebe de diferentes tradicións do clown contemporáneo, con especial atención ao traballo de referentes como Aitor Basauri e Avner the Eccentric.

O obradoiro está pensado para persoas de diferentes disciplinas escénicas —actuación, danza, circo, música, narración, performance…— que conten cun mínimo de experiencia ante o público e queiran incorporar ferramentas do clown á súa propia práctica artística.

Que imos traballar?

  • Presenza e dispoñibilidade escénica.
  • O xogo como ferramenta de creación.
  • A relación directa co público.
  • Improvisación e capacidade de reacción.
  • Corpo, ritmo e comedia física.
  • O erro, o accidente e o inesperado como material.
  • Identificación e amplificación dos recursos cómicos propios.
  • Creación de pequenas situacións e materiais a partir das características de cada intérprete.
  • Como trasladar as ferramentas do clown á propia disciplina artística.

O proceso estará sempre orientado á práctica: probar, observar, repetir, modificar e volver probar. O obxectivo é que cada participante saia do obradoiro con novas ferramentas e, sobre todo, cunha maior conciencia de que pode ser cómico desde o lugar que lle é propio.

Presentación final

O curso rematará cunha presentación ante o público, na que as persoas participantes poderán poñer en práctica parte do traballo desenvolvido durante o obradoiro.

Esta última sesión permitirá experimentar nun contexto real unha das cuestións fundamentais do clown: a relación co público. O obxectivo non será presentar un espectáculo acabado, senón testar o material, observar o que acontece e aprender tamén desa experiencia.

Datos prácticos

Datas: 21 e 22 de novembro de 2026
Horario: 10:00–14:00 e 16:00–20:00
Duración: 16 horas
Prazas: 12
Prezo: 75 €
Requisito: mínimo de experiencia ante o público

ARTIGO RELACIONADO

, ,
Velaquí a última etapa do noso percorrido sobre A porta pechada, centro da nosa programación na tempada 25-26. Nesta peza imaxinamos a conversa entre dous camareiros de piso que acollen ás persoas q…

ARTIGO RELACIONADO

, ,
Xa na tempada pasada iniciamos esta modalidade de multi-proposta para unha mesma peza: dúas maneiras de poñer en escena un único texto. Neste caso, retomamos Ruir, cunha achega completamente diferen…

ARTIGO RELACIONADO

,
Eu é, e non existe, como tampouco existes ti sexa cal sexa o teu nome; eu é outro, nada que ver comigo, que non son nada, nada podo dicir, nada che escribo, aínda que fale…