
Tendes que imaxinar unha illa. Para que exista. Para que sexa real.
Unha proposta de teatro mínimo, á que case nos poderiamos enfrontar cos ollos pechados, onde o silencio e calar son procesos distintos.
E falarase desa illa que imaxinades. Longamente. Entre as lembranzas e as imaxes que se superpoñen, de tempos distintos, reunidas nun limiar dunha porta, que ninguén ousa, ou pode, traspasar.
Podemos pensar nos textos de Maeterlinck, como Interior, ou A Intrusa, ou incluso Os Cegos, onde a descrición de espazos que o espectador non pode alcanzar se converte nun elemento central da experiencia que se lle ofrece. É necesario imaxinar, ser activo na escoita das palabras, e percorrer as distintas escenas coa vontade de conceder a aparición das imaxes necesarias para poder ver o que se di.
En escena: Sonia Salgado, Aldara Huerta e Lupe Carballo, fronte a un texto e unha proposta escénica de Alberte Alonso.


