Sala Emérita Gaúte
Nesta sala, situada no primeiro andar do edificio, dispoñemos dun espazo diáfano duns 25 m2, cunha altura libre de 3,5m e preparado para acoller reunións de traballo e sesións de creación para grupos reducidos. Nela conservamos tamén a nosa biblioteca de teatro, que conta con cerca de 300 volumes en distintas linguas, e que recolle textos de teoría e práctica teatral e da interpretación, textos dramáticos, así como algúns volumes de teoría estética e un amplo catálogo de obras relacionadas co xogo.
O espazo leva o nome dunha das nosas avoas, muller rural, nada nos anos vinte do século pasado, nunha pequena parroquia do concello de Abadín, en Lugo. Emérita aprendeu a contar e a escribir nunha escola rural, e a pesares de ter recibido unha educación moi elemental, sempre tivo inquietude e curiosidade polas palabras. Escribía pequenos textos nos que comentaba asuntos de veciñanza, e críticas satíricas dalgúns personaxes do seu entorno. Foi unha muller atípica, que probablemente non puido ir máis aló na súa inquietude polas letras por unhas circunstancias que, como tantas outras veces, afogan os impulsos artísticos no seu propio berce.
Teatro Permanente
Esta é unha sala de teatro cunha superficie duns 60 metros cadrados, dos que a meirande parte están dedicados a espazo escénico e sala, sen separación física. O resto están ocupados por uns pequenos camerinos, un aseo adaptado e un local técnico.
Para configurar a relación escena-sala dispoñemos de gradas retráctiles e móbiles con capacidade para, como máximo, 30 persoas, que permiten unha disposición frontal e bi-frontal.
A sala está dotada dos elementos esenciais en iluminación e son para poder acoller todo tipo de actividades formativas no eido das artes vivas, incluíndo presentacións escénicas de pequeno formato, obradoiros ou conferencias.
O Teatro Permanente está pensado como unha aula na que achegarse aos distintos aspectos da creación escénica, tanto como actores que como espectadores, observando, manipulando, cuestionando, facendo.