
Hai moitos anos que nos acompaña este proxecto, sen encontrar a maneira de realizalo. Agora talvez non dispoñamos dos medios necesarios para unha tentativa desta proporción, pero espero que sexa o pretexto para ir sumando esforzos e incorporando colaboracións a esta idea. Porque a día de hoxe non é máis que unha idea, a expresión dunha vontade, que sabemos que se materializará, pero non de que xeito, xa que implica unha considerable cantidade de tempo.
Comeza aquí, porque nalgún punto ten que comezar, a forma visible desta obra, a presentación pública de todas as pezas teatrais de William Shakespeare recollidas no First Folio de 1623. O esforzo é considerable, pois moitos dos textos non están aínda traducidos ao galego, polo que o proxecto se prolongará sobre os próximos dez anos, aproximadamente. Son un total de 35 pezas, que se presentarán en distintos formatos: lecturas dramatizadas, estudos de obra, versións libres, e outras.
Para comezar, na tempada 2026-2027 temos escollido All’s well that ends well (O que ben acaba, ben está), da que presentaremos unha adaptación na primavera. Tamén abordaremos un estudo de obra de Much ado about nothing (Moita palla e pouca gra), centrándonos nos diálogos entre Benedicto e Beatriz, coa colaboración da actriz mexicana Dulce Galván (aló polo mes de novembro).
(continuará…)
Deixa unha resposta
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.