Quen, nós?
Quen, nós?
O Teatro Permanente é un proxecto familiar fondado cunha sola teatral e de experiencia de vida en distintos ámbitos da creación e da investigación no eido das artes vivas.
Arrincamos como unha escola de teatro en sentido amplo, creando as condicións axeitadas para que calquera poida achegarse aos distintos elementos da creación escénica coa maior proximidade posible. Propoñemos numerosas actividades que dan acceso á dramaturxia, á interpretación, á historia das artes escénicas, así como á crítica e análise de espectáculos, as tarefas de dirección e a posta en escena.
O Teatro Permanente é, por riba de todo, un lugar de encontro entre persoas arredor de dous eixos, o da creación e o da acción social a través da educación teatral. Unha casa coas portas abertas onde desenvolvemos a nosa vida en plena relación coa nosa actividade profesional.
#bios #espazos
Eu, Lisa Vitorino
Descubrín o teatro en primaria, en Francia. Se lle preguntas a miña nai, dirache que foi para loitar contra a miña timidez. Pero non creo que fose así. Eu quería ser actriz. A partir de aí, non deixei de facer teatro.
O meu bacharelato foi unha especialización en artes escénicas, e despois dun ano nos Estados Unidos, onde descubrín unha maneira moi diferente de achegarse ao traballo do actor, fixen un grao e un máster en Estudos Teatrais en Lyon.
Durante todo este tempo, despois de moitas experiencias en distintos contextos, despois de tantas voltas, sigo querendo seguir a ser a actriz que sempre quixen ser.
Eu, Alberte Alonso
Cheguei ao teatro en Lugo, a finais dos anos 90 da mao da Aula de Teatro, para iniciarme despois na dirección escénica con Caleac. En 2006 marchei a Francia a estudar artes escénicas na universidade, primeiro en Aix-Marseille, logo en Lyon, onde rematei o mestrado en Artes, cunha especialidade en Teatro. De volta a Galicia, completei, este mesmo ano 2024, o meu doutoramento en Estudos Literarios, cunha tese que aborda a relación entre o xogo e o teatro.
Todos estes anos, moitos, para chegar a unhas poucas certezas sobre a interpretación e o xogo, que tentaremos compartir convosco.