Skip to main content

[Rh]inocéros

[Rh]inocéros

Este é, sen dúbida, o texto con maior persistencia de todos con cantos temos traballado. Desde hai máis de dez anos reaparece constantemente, como eco do rexurdimento dos movementos fascistas que son presentados aquí por Ionesco en forma de invasión de animais perisodáctilos.

[Pensemos que o texto orixinal se publicou en 1959]

“Todo empezou (así arrincaba un espectáculo de 2012) coa elección de Marion Maréchal-Le Pen[1] como deputada na terceira circunscripción do Vaucluse […]”. O proceso de rinocerontización xa tiña comezado en Europa hai moito tempo, tal vez tempo dabondo como para que puidésemos ter feito algo para evitalo.

Rinoceronte é un texto exemplar diso que dan en chamar teatro do absurdo, e que Ionesco foi quen de producir para as xeracións por vir con tanto tino e tanto vigor. Diso se trata, fundamentalmente, máis aló dos xogos de palabras; a obra preséntase como un esforzo xigantesco de dinamismo, de elasticidade, na que o fío da historia vai rebotando de personaxe en personaxe, de escena en escena. Resulta disto unha solicitación constante para as persoas que a interpretan, pero que compensan esa esixencia con bo humor e a ledicia de estar xuntas a través deses intercambios estravagantes e caóticos.

A nosa pasaxe favorita é, sen dúbida, a conversa entre o lóxico e unha persoa maior, esa escena imposible onde se cruzan as conversacións entre distintas personaxes e que supón unha grande dificultade de posta en escena, en canto ao ritmo e a propia arquitectura da secuencia.

Máis aló do interese escénico que poida ter o texto, en grande medida, como ferramenta de xogo, cómpre pensar que a súa vixencia no noso ámbito de traballo, durante tantos anos, é sintomática dunha situación que supera con moito o teatral e que resoa, neste momento mesmo, con gran forza no espazo público.

Un texto coma este non pode ser soamente unha fábula ridícula.

A nosa sociedade é cada vez máis rinoceróntica. Cando o último Bérenger do noso tempo monologue sobre se merece a pena seguir adiante, sobre a necesidade, si, inevitable, de converterse tamén nun rinoceronte, daquela comprenderá, tal vez, no límite do abismo, no íntimo momento da transformación, que aquilo é realmente o último final.

Non queiramos ser el.


[1] neta de Jean-Marie Le Pen, líder do Front National. O partido de extrema dereita foi fundado en 1972.

A imaxe amosa un fragemento dunha obra de Léonard Dadin.

ARTIGO RELACIONADO

,
Hoxe, agora, cando escribo, tiven éxito, fun quen, a pesares das distintas distraccións, de chegar ao alto, sentar aquí, pararme noutra pausa, para falar do vivido en lentitude, nesa ram…

ARTIGO RELACIONADO

,
Chaman por min en algún lugar onde nunca estiven

ARTIGO RELACIONADO

,
Alcanzar o silencio a través da palabra