Skip to main content

Etiqueta: comunidade

Canta(r)

Abrimos un grupo de traballo dedicado ao canto que, nunha sesión semanal, irá configurando un repertorio propio, ecléctico e de perfil contemporáneo, para ser presentado diante do público de xeito regular.

Coa mediación de Sara Álvarez, abordaremos un traballo mixto de preparación e creación para constituir un elemento de acción escénica que participará na programación habitual do Teatro Permanente baixo distintas formas.

Non se necesitan coñecementos de solfexo. Valorarase o compromiso.

Estamos a valorar dous horarios. Aquel no que haxa máis inscricións será o definitivo. Podería ser os martes de 19h-21h ou os venres de 19h-21h. Cota de inscrición: 20€/mes.

Máis información e inscricións polas canles de contacto habituais!

É mellor non entender que crer ter entendido

E aínda sería máis axeitado non ter a necesidade de enteder nada en absoluto.

Se eu debuxo un cadrado branco sobre un fondo branco ou se o resultado dunha fotografía accidental tomada en 2018 amosa unha imaxe uniformemente branca, quen a observe, como espectador, estará exposto a estímulos análogos. Como di a canción, é unha ventá de posibilidades, entre as que se encontra, como un elemento máis da plena realización das súas potencias, entendela.

O desprazamento é necesario, sempre. O desprazamento que opera saber que o autor precisou que se trataba dunha figura sobre un fondo da mesma cor fai que recoñezamos o valor do xesto. Ese valor é, fundamentalmente, de orde social, inscribíndose no catálogo de obras indispensables da historia da arte. Non obstante, a experiencia da obra é posible sen máis que o contacto inmediato co materialidade do obxecto. Que acontece nese caso? As reaccións habituais son ben coñecidas de todos.

Diremos, tal vez: que idea máis xenial! Mais cómpre que nos preguntemos por que, neste caso, valoramos tanto a orixinalidade fronte á complexidade da execución. Podemos pensar a orixinalidade como fonte de variación xenética e cultural, como un mecanismo de evolución, pois da variabilidade das accións nace a ampliación do noso repertorio de acción e a progresión na execución das capacidades xa adquiridas. Tal vez haxa algo en todos nós que persiste nesa procura incesante de transformación, do noso devir como especie, e sigamos a valoralo profundamente en calquera manifestación de creación humana.

Que abre a porta no proceso de recepción da obra a ese desprazamento necesario, fóra de si, cara un terreo común onde obra e espectador se reúnen? Que facer de non entender? A importancia de non entender está en pensar por que necesitamos entender algo que non necesita ser entendido. Ou desde o outro extremo, por que crear obras que necesitan ser entendidas?

Sentado fronte a unha paisaxe pode non acontecer nada, pero se algo acontece non será por ter entendido a paisaxe. E no momento que a entendemos, deixa de ser unha paisaxe.

Estes son soamente uns apuntes rudimentarios, simples especulacións, dun asunto que é, probablemente, dos máis fundamentais nos procesos artísticos.

Xalundes

A acción do Teatro Permanente non se limita ao que acontece na nosa sala da rúa Abeleira Menéndez.

A través da Asociación Cultural Teatro Permanente realizamos intervencións educativas e de acción teatral en distintos lugares. Por exemplo, deseñamos proxectos a medida para abordar temáticas específicas tratadas mediante recursos teatrais, tanto para centros de ensino como para outras institucións culturais.

Tamén propoñemos pequenas formas de Teatro na Casa, onde podemos intervir teatralmente nos domicilios, con creacións específicas adaptadas ao espazo.

Se queredes máis información, contactade connosco.

Dramaturxia aberta [?]

Ao inicio de cada ciclo de creación reservaremos un tempo para recibir as achegas da nosa comunidade. Lecturas de interese, preguntas, referencias a outros contextos e situacións, noticias, lembranzas…calquera aportación que poida, chegado o momento, servir para construír a dramaturxia dun espectáculo.

Convocaremos unha asamblea na primeira semana do traballo para que poidamos conversar sobre o tema que imos abordar e que poidades participar presencialmente do proceso. Tamén nos poderedes facer chegar as vosas aportacións a través do correo electrónico: dramaturxia@teatropermanente.com

Música(s) residente(s) [?]

Artistas convidadas e residentes que abren os seus procesos de interpretación e preparación á Comunidade Permanente. Curiosidade, tentativas arriscadas ou extravagantes, camiños truncados, virtuosismo…moitas posibilidades de experiencia en relación coa(s) música(s).

En presenza constante, regular. O Teatro Permanente quere ser un espazo aberto para a música en escena. Acollemos artistas e prácticas instrumentais e sonoras diversas para propoñer á nosa comunidade dispositivos musicais específicos, con repertorios menos habituais e formas de experimentación e de exploración curiosa sobre o son, así como sobre a relación entre as persoas presentes e os intérpretes.

Ficcións ficcionais [?]

Todas aquelas ideas que se quedan polo camiño ou que só poden existir se as imaxinamos, porque resisten a ser realizadas.

Este espazo estará reservado a proxectos desbotados, a ideas simplemente formuladas, pero irrealizables, por motivos diversos.

Poderíamos falar de creacións virtuais, describindo o que teríamos feito se realmente o chegásemos a facer, ou incluso con relatos do que pasou, a pesares de non ter pasado.

Tamén recolleremos relatos de autoficción e outros textos que nos parecen marabillosos, ou terribles, e que decidiremos non poñer en escena.

Incluiremos un espazo para resumos dos textos teatrais que temos na nosa biblioteca, por se iso pode servir como pista para proxectos alleos.

Última páxina [?]

A nosa liña editorial, que acollerá artigos de opinión e ensaios sobre a actualidade ou outros aspectos fundamentais do cerne da nosa práctica escénica e da nosa posición fronte á realidade.

Aquí poderedes encontrar publicacións frecuentes, propias ou en forma de colaboración por parte doutras persoas asociadas (e amigas).

Algúns destes artigos serán o punto de partida para proxectos de creación ou de acción escénica.

Xogar xogando [?]

Reservamos un espazo para a divulgación das achegas investigadoras que abordan a cuestión do xogo. A partires da tese de doutoramento de Alberte Alonso, iremos conformando un sustrato teórico para as nosas propostas.

Aquí acolleremos artigos e publicacións de distintas épocas e diferentes ámbitos de investigación, así como un catálogo bibliográfico de obras relacionadas co xogo e as pontes que se poden establecer coa interpretación.