Skip to main content

Etiqueta: destacadas

Canta(r)

Abrimos un grupo de traballo dedicado ao canto que, nunha sesión semanal, irá configurando un repertorio propio, ecléctico e de perfil contemporáneo, para ser presentado diante do público de xeito regular.

Coa mediación de Sara Álvarez, abordaremos un traballo mixto de preparación e creación para constituir un elemento de acción escénica que participará na programación habitual do Teatro Permanente baixo distintas formas.

Non se necesitan coñecementos de solfexo. Valorarase o compromiso.

O grupo reúnese os venres de 19h-21h. Cota de inscrición: 20€/mes.

Máis información e inscricións polas canles de contacto habituais!

Comunidade Permanente (Asóciate!)

Para participar nas nosas aulas e asistir ás nosas permanencias escénicas cómpre formar parte da Comunidade Permamente.

Para iso, podedes facervos socios da nosa Asociación Cultural. Tedes toda a información aquí.

Cunha mínima aportación podedes contribuír a que o proxecto poida manterse vivo e ofrecer toda unha serie de servizos artísticos e didácticos para a nosa Comunidade. Seguindo o modelo das asociacións de consumidores, que permiten reunións de persoas para acceder a produtos de proximidade ou establecer unha relación directa coa súa orixe, no Teatro Permanente propoñemos accións artísticas locais que podedes soster coa vosa participación activa.

Vide a coñecernos1 ou escribídenos para saber máis do proxecto!

  1. Atendémosvos con cita previa ↩︎

O exemplo da partida de xadrez (1)

Imaxinemos agora unha partida de xadrez. Propoñemos unha situación ideal, onde os dous xogadores teñen o mesmo nivel de destreza e o mesmo nivel de implicación co xogo. A partida dispútase e faise unha gravación da mesma. A continuación, os xogadores estudan as imaxes ata seren quen de reproducir exactamente a partida, ata o máis mínimo detalle. Esa reprodución cáptase de novo en imaxes. Semella evidente que aínda que os filmes sexan idénticos, o que captan non o é1. A primeira vez, a partida produciuse a través dun procedemento que non ten nada que ver co da segunda. Como vemos, unha singularidade do xogo é que podemos producir todos os signos que compoñen unha partida sen xogala realmente. Non podemos varrer, ou saltar, ou comer unha pataca sen facer esas cousas realmente, independentemente do ben ou mal que o fagamos, ou do interese que poñamos nelas.

Non obstante, incluso a primeira partida non tivo por que ser xogada. Aínda que se produza dentro dun esforzo de xogo, respectando todos os seus principios, existen moitos factores que determinan que poidamos considerar que esa partida se xogou ou non, máis aló de que se desenvolvese dentro do marco dun dispositivo que recoñecemos socialmente como xogo.

[…]

  1. A pregunta que semella evidente é: podería un espectador percibir algunha diferencia entre as dúas captacións de imaxes? ↩︎

Historia(s) sen principio(s)

Non sei se vos fixastes en que ningunha historia empeza polo principio. Refírome ás historias clásicas, os contos que nos contaban sendo nenos, pero supoño que podemos dicir o mesmo de calquera relato de ficción. Se o pensamos ben, a vida da Caparuchiña vermella non comeza no momento en que a avoa se pon enferma. É de supoñer que a avoa, sendo vella como era, estaría doente con relativa frecuencia. Digo isto sen poñerme a especular no diagnóstico dalgunha patoloxía subxacente, da que Perrault non interpretou adecuadamente os síntomas, e que podería explicar a recorrencia dos seus estados febrís.

Podemos, se así o desexamos, situar o inicio da súa historia no momento no que lle regalan a capa. Tal vez a súa duración sexa, non xa a dunha vida máis ou menos banal, máis aló de ter que loitar cos recordos traumáticos de ter sido devorada (supoñendo que o cazador a rescatase, feito que semella ser apócrifo, froito dunha edulcoración máis contemporánea), senón, sexamos xustos, a do tempo no que lle servise a capa. Seguramente lle fose algo grande ao principio, porque a roupa estaba feita para durar, e a caparucha había de caerlle diante dos ollos e non vería nada, e os outros cativos na escola, porque era unha escola da vila, claro, e ela viña da aldea, ríanse dela porque levaba sempre a mesma roupa, demasiado grande, ou pequena, e moitas veces mendada.

Como se pode intuír, non só non temos acceso ao inicio da historia, senón que moitos dos feitos relevantes, e que levan a Caparuchiña a confiar en persoas de mala reputación, e a perderse por camiños enredosos, foron excluídos da versión axustada e condensada que leva circulando de xeración en xeración desde hai incontables anos.

Resulta posible pensar, daquela, que estes feitos que veño de mencionar se contan entre moitos outros, ignorados tamén, que ocuparían os días da rapaza. Como xa dixen, seguramente a avoa enfermara antes, e tal vez Caparuchiña tería levado máis cestas con comida. Neses traxectos, habería veces nas que non encontrase a ninguén, noutras tería batido co lobo, inevitablemente. Nesas ocasións, sen que teñamos que entrar en valorar a súa frecuencia, habería momentos nos que simplemente se saudaron cortesmente; habería outros nos que nin se falaron sequera, pois tal vez o lobo estivese ocupado en asuntos de maior envergadura, como podería ser a predación dun cervo, dun xabaril ou dun mamut laúdo, no caso de que a xénese da lenda se remonte a épocas anteriores a aquelas nas que a situamos habitualmente.

Todos eses encontros, e moitas outras anécdotas, nas que se equivoca de senda, ou de avoa, nas que papa a merenda polo camiño e logo, cando chega do outro lado da fraga, ten que inventar a historia dun lobo que lle roubou a cesta, o que contribúe a alimentar a lenda funesta do personaxe, todos, sen excepción, foron ignorados, ou excluídos deliberadamente, co propósito de darlle concreción a  unha narración que, se adoptase un cariz máis biográfico, podería ter ocupado perfectamente dezaoito volumes en cuarto menor de trescentas páxinas cada un (e iso supoñendo que a devorase, definitivamente, o lobo).

Non coñecemos o principio da historia da Caparuchiña porque non podemos situar en ningún lugar a orixe da cadea de causas que levaron a os fatídicos acontecementos recollidos por Perrault. Ningún dos feitos da súa vida foi menos importante que ningún outro, como tampouco o foron cada un dos sucesos que a precederon, nin os que tiveron a súa existencia en tempo compartido con ela. Pensada así, fronte á marabillosa multiplicidade de relacións, de efectos e de causas que a arrodeaban, a súa historia, por moi clásica que sexa, queda reducida a unha simple anécdota.

Obradoiro para persoas adultas

O noso grupo de traballo segue aberto os mércores de 20:30 a 22:15. Cunha dinámica esencialmente lúdica, abordamos cuestións específicas da interpretación e da teatralización de aspectos da nosa vida cotiá.

O xogo segue a ser o elemento que sostén a dinámica da acción, que nos permite achegarnos a distintas temáticas e distintos materiais para poder intervir teatralmente sobre eles.

Pero a que xogamos cando interpretamos?

Vide a coñecer o proxecto e a formar parte da nosa comunidade teatral.