Skip to main content

Etiqueta: experiencia

É mellor non entender que crer ter entendido

E aínda sería máis axeitado non ter a necesidade de enteder nada en absoluto.

Se eu debuxo un cadrado branco sobre un fondo branco ou se o resultado dunha fotografía accidental tomada en 2018 amosa unha imaxe uniformemente branca, quen a observe, como espectador, estará exposto a estímulos análogos. Como di a canción, é unha ventá de posibilidades, entre as que se encontra, como un elemento máis da plena realización das súas potencias, entendela.

O desprazamento é necesario, sempre. O desprazamento que opera saber que o autor precisou que se trataba dunha figura sobre un fondo da mesma cor fai que recoñezamos o valor do xesto. Ese valor é, fundamentalmente, de orde social, inscribíndose no catálogo de obras indispensables da historia da arte. Non obstante, a experiencia da obra é posible sen máis que o contacto inmediato co materialidade do obxecto. Que acontece nese caso? As reaccións habituais son ben coñecidas de todos.

Diremos, tal vez: que idea máis xenial! Mais cómpre que nos preguntemos por que, neste caso, valoramos tanto a orixinalidade fronte á complexidade da execución. Podemos pensar a orixinalidade como fonte de variación xenética e cultural, como un mecanismo de evolución, pois da variabilidade das accións nace a ampliación do noso repertorio de acción e a progresión na execución das capacidades xa adquiridas. Tal vez haxa algo en todos nós que persiste nesa procura incesante de transformación, do noso devir como especie, e sigamos a valoralo profundamente en calquera manifestación de creación humana.

Que abre a porta no proceso de recepción da obra a ese desprazamento necesario, fóra de si, cara un terreo común onde obra e espectador se reúnen? Que facer de non entender? A importancia de non entender está en pensar por que necesitamos entender algo que non necesita ser entendido. Ou desde o outro extremo, por que crear obras que necesitan ser entendidas?

Sentado fronte a unha paisaxe pode non acontecer nada, pero se algo acontece non será por ter entendido a paisaxe. E no momento que a entendemos, deixa de ser unha paisaxe.

Estes son soamente uns apuntes rudimentarios, simples especulacións, dun asunto que é, probablemente, dos máis fundamentais nos procesos artísticos.