Skip to main content

Escritura automática

Escritura automática

Nada que ver, a verdade vaia por diante. Non se trata dun engano tampouco, eu non diría tanto. Hai cousas que acontecen, e podemos pararnos a entender as causas, a remontar reloxos que volven inevitablemente a marcar as mesmas horas, ou podemos seguir adiante, sen mirar as agullas, acompañados pola necesidade de deixar atrás a última palabra.

Se realmente fose o que o título anuncia, isto sería un único parágrafo, extenso, compacto, de palabras en sucesión constante, determinada. Tamén podería dicir que apresurada, sen dúbida, porque as ideas vizosas parece que empurran os dedos, parece que non lles chega o tempo, que van tarde. Empurran desde dentro, eu podo sentilas. As palabras, cando se escribe, son algo físico, non son ideas, son como unha ansia que hai que pulsar, que hai que esmagar precisamente en cada dedo.

Pensei por un momento en dicir que ningún dos termos que encabezan este texto era axeitado. A estrutura dos parágrafos ben demostra a falsidade do segundo, e o primeiro, ainda que en apariencia semella convir ao acto de articulación dun texto, necesitaría dunha reflexión máis fonda para poder ser confirmado. Pensemos que, se cadra, este non foi máis que un exercicio de pura combinatoria, e que, por algunha razón inexplicable, a produción de palabras aleatorias deu por resultado esta páxina. Penso no caso de Pierre Menard, entre os máis célebres.

Niso consiste, daquela, isto que aquí queda. Nunha simple ficción, por conveniencia.

ARTIGO RELACIONADO

,
Xa temos os horarios para os nosos obradoiros permanentes de práctica escénica. Tes toda a información detallada na sección Aulas Abertas. Vide formar parte da Comunidade Permanente!
Neste obradoiro descubrimos os distintos aspectos da interpretación e da posta en escena a través do xogo. En principio, propoñemos dous grupos: luns de 17:30 a 19:00 xoves de 17:30 a 1…
O noso grupo de traballo permanecerá aberto os martes de 19:30 a 21:30 e os mércores de 11:30 a 13:30 a partires do 1 de outubro de 2026. Cunha dinámica esencialmente lúdica, abordamos cuestións esp…