Skip to main content

Novas

Novas

Novas, Poemática casual

Teño que contar cantos caracteres collen no título desta plantilla; baixaba de volta á casa e pensei que sería curioso saber se hai un límite ou se podo seguir escribindo sen máis, o que sería un pouco estraño, pero a medida que o fago, cada vez me parece máis probable que non haxa ningún límite e que vou seguir escribindo sen sentido ata que me fatigue. Que raro. Por que non haberá un tope para isto? Igual agora, cando suba o texto, provocará algún tipo de erro (mensaxe desde o futuro: como podedes comprobar, sigo escribindo). Lisa está vendo unha reportaxe sobre a guerra en Ukrania. Unha señora fala de que lle faltan os cans desde hai un ano e medio. Que pasaron os rusos e lle comeron os seus cochos, pero non sabe onde van os cans. Tal vez llos comeron tamén. Os rusos chegaron á súa aldea ao principio da ocupación, e encerraron a todo o mundo no soto da escola. Unhas 400 persoas en 200 metros cadrados. Moita xente morreu durante o encerro. Durou un mes, e logo marcharon. Todo ese tempo pensando que ían morrer todos. A xente perdía a cabeza pola falta de osíxeno. Ao principio nin sequera lles deixaban sacar os cadáveres. Sen luz. Os rusos dábanlles de comer comida estropeada, podre, ou pasta cocida en gasolina (así como volo conto). Despois comezaron a deixalos saír. A xente ía buscar comida onde podía. Os testemuños sucédense. Agora están a reconstruír. Os nenos xogan con pistolas e fusís de plástico. Están a refacer un edificio. A xente pasa os bloques de formigón a ritmo de música techno. Tres cativos xogan cuns ratos brancos. Un chámase Poutine-Hitler, o outro Loukachenko. Agora están parados diante da cámara, non fan nada. Maxim, senta, dille un. E miran á cámara.

Non hai límite. Para demasiadas cousas.